> launch statement
              > Deutsch
              > Español
              > Galego
              > Italiano

> founding groups
> supporting groups
> join us

   

Manifesto

A agresión sen precedentes que sofren nestes momentos as liberdades e a democracia fai con que, hoxe mais que nunca, sexa necesário dar unha resposta colectiva.

Queremos construir unha sociedade que alicerce na liberdade e na igualdade, no respeito dos direitos individuais e colectivos. Unha sociedade que garanta a todos os seus membros liberdade de movimento e información, que recoñeza às minorias a plena igualdade de direitos. Isto implica defender, alargar e aprofundar a cultura democrática -un conceito que non há de limitar-se à existéncia de partidos politicos e procesos eleitorais mais há de abranxer valores mais amplos de pluralismo, diversidade e toleráncia.

Opomo-nos ao racismo, ao fascismo, à discriminación por razón de xénero e à homofobia.

A defensa das liberdades e a democracia requer tamén a formulación de reivindicacións positivas: o respeito dos direitos dos povos, da sua cultura e a sua história. O respeito do direito à presunción de inocéncia, a garantia de non sermos submetidos a vixiláncia, a liberdade de expresión e manifestación.

É con este propósito que constituímos a Rede Europea de Liberdades Civis (European Civil Liberties Network - ECLN).

En Europa son muitos os grupos que traballan na defensa dos direitos civis, os direitos humanos, os direitos das persoas refuxiadas e migrantes, a globalización ou a paz. A ECLN pretende ser unha plataforma de traballo en comun que complemente o traballo particular de cada un destes grupos e centra os seus esforzos na defensa das liberdades públicas, a liberdade de aceso à información e a democracia no espazo europeu.

A Rede Europea de Liberdades Civis actuará portanto nos seguintes ámbitos:

1. acción policial e orde pública
2. imigración e asilo
3. racismo e fascismo
4. vixiláncia e protección de dados
5. documentos bio-métricos e bases de dados
6. direitos e lei
7. seguranza e servizos de intelixéncia
8. cárceres
9. xestión de crises, militares e non-militares
10. foros europeus e internacionais
11. liberdade de información (aceso aos documentos e à información)
12. as normas democráticas de responsabilidade, transparéncia, recursos legais e extra-legais

O papel da Rede Europea de Liberdades Civis (ECLN)

As principais funcións que a Rede Europea de Liberdades Civis (ECLN) realizará através dun "Observatório sobre os direitos civis", serán as seguintes:

1. oferecer información e documentación acerca da evolución politica que se procesa nos ámbitos europeu, estatal e local.

2. oferecer análises destes acontecimentos para contribuir a unha mais acurada comprensión dos mesmo.

3. oferecer un espazo para os grupos e persoas poderen colaborar sobre asuntos e proxectos específicos,

4. desenvolver investigacións e publicacións através da rede.

5. oferecer información sobre luitas e accións, intervir no debate público e combater o isolamento ou a marxinalización por meio do apoio mútuo.

Declaración de princípios

1. A Rede Europea de Liberdades Civis (ECLN) é unha rede, non unha organización. Compartillamos propósitos e obxectivos mais non temos, nen procuramos, opinións corporativas.

2. A Rede Europea de Liberdades Civis (ECLN) non admite nen traballa con grupos ou persoas racistas, fascistas, sexistas ou homófobas.

Lanzamento

O lanzamento da ECLN terá lugar en Bruxelas o próximo 19 de Outubro e irá acompañado das seguintes actividades:

- a posta 'en liña' do sítio da Rede Europea de Liberdades Civis (ECLN).

- a publicación dunha série de ensaios sobre a situación das liberdades, os direitos civis e os estándares democráticos en Europa.

- un "Manifesto polas Liberdades Civis e a Salvaguarda das Normas Democráticas en Europa" que poderá ser asinado por todos os grupos e persoas que queiran dar o seu apoio.

Participación na ECLN

Convidamos todos os grupos e persoas que traballan no ámbito das liberdades civis a:

Enviar:

- notícias,
- información sobre conferéncias, seminários, reunións,
- publicacións e relatórios,
- cartas abertas para arrecadar apoios,
- información sobre manifestacións ou outras accións.

Aceitará-se información e outros materiais (p.ex. arquivos Word ou pdf) en calquer idioma que, de ser posível, poderian vir acompañados dunha pequena introdución en inglés (de 1 a 5 liñas).

As organizacións e colectivos que asi o desexaren poderán participar -sen compromiso económico- como "Grupos colaboradores".

Tamén poden inscrever-se para receber as notícias regularmente por correio electrónico.

Calquer contributo que queiran facer grupos (grandes ou pequenos) e persoas de toda Europa será mui ben recebido.

Setembro 2005

> Grupos fundadores e persoas
> Supporting groups
> Join us