Manifesto
A agresión sen
precedentes que sofren nestes momentos as liberdades e a democracia
fai con que, hoxe mais que nunca, sexa necesário dar unha
resposta colectiva.
Queremos construir unha
sociedade que alicerce na liberdade e na igualdade, no respeito
dos direitos individuais e colectivos. Unha sociedade que garanta
a todos os seus membros liberdade de movimento e información,
que recoñeza às minorias a plena igualdade de direitos.
Isto implica defender, alargar e aprofundar a cultura democrática
-un conceito que non há de limitar-se à existéncia
de partidos politicos e procesos eleitorais mais há de
abranxer valores mais amplos de pluralismo, diversidade e toleráncia.
Opomo-nos ao racismo,
ao fascismo, à discriminación por razón
de xénero e à homofobia.
A defensa das liberdades
e a democracia requer tamén a formulación de reivindicacións
positivas: o respeito dos direitos dos povos, da sua cultura
e a sua história. O respeito do direito à presunción
de inocéncia, a garantia de non sermos submetidos a vixiláncia,
a liberdade de expresión e manifestación.
É con este propósito
que constituímos a Rede Europea de Liberdades Civis (European
Civil Liberties Network - ECLN).
En Europa son muitos os
grupos que traballan na defensa dos direitos civis, os direitos
humanos, os direitos das persoas refuxiadas e migrantes, a globalización
ou a paz. A ECLN pretende ser unha plataforma de traballo en
comun que complemente o traballo particular de cada un destes
grupos e centra os seus esforzos na defensa das liberdades públicas,
a liberdade de aceso à información e a democracia
no espazo europeu.
A Rede Europea de Liberdades
Civis actuará portanto nos seguintes ámbitos:
1. acción policial
e orde pública
2. imigración e asilo
3. racismo e fascismo
4. vixiláncia e protección de dados
5. documentos bio-métricos e bases de dados
6. direitos e lei
7. seguranza e servizos de intelixéncia
8. cárceres
9. xestión de crises, militares e non-militares
10. foros europeus e internacionais
11. liberdade de información (aceso aos documentos e à
información)
12. as normas democráticas de responsabilidade, transparéncia,
recursos legais e extra-legais
O papel da Rede Europea
de Liberdades Civis (ECLN)
As principais funcións
que a Rede Europea de Liberdades Civis (ECLN) realizará
através dun "Observatório sobre os direitos
civis", serán as seguintes:
1. oferecer información
e documentación acerca da evolución politica que
se procesa nos ámbitos europeu, estatal e local.
2. oferecer análises
destes acontecimentos para contribuir a unha mais acurada comprensión
dos mesmo.
3. oferecer un espazo
para os grupos e persoas poderen colaborar sobre asuntos e proxectos
específicos,
4. desenvolver investigacións
e publicacións através da rede.
5. oferecer información
sobre luitas e accións, intervir no debate público
e combater o isolamento ou a marxinalización por meio
do apoio mútuo.
Declaración
de princípios
1. A Rede Europea de Liberdades
Civis (ECLN) é unha rede, non unha organización.
Compartillamos propósitos e obxectivos mais non temos,
nen procuramos, opinións corporativas.
2. A Rede Europea de Liberdades
Civis (ECLN) non admite nen traballa con grupos ou persoas racistas,
fascistas, sexistas ou homófobas.
Lanzamento
O lanzamento da ECLN terá
lugar en Bruxelas o próximo 19 de Outubro e irá
acompañado das seguintes actividades:
- a posta 'en liña'
do sítio da Rede Europea de Liberdades Civis (ECLN).
- a publicación
dunha série de ensaios sobre a situación das liberdades,
os direitos civis e os estándares democráticos
en Europa.
- un "Manifesto polas
Liberdades Civis e a Salvaguarda das Normas Democráticas
en Europa" que poderá ser asinado por todos os grupos
e persoas que queiran dar o seu apoio.
Participación
na ECLN
Convidamos todos os grupos
e persoas que traballan no ámbito das liberdades civis
a:
Enviar:
- notícias,
- información sobre conferéncias, seminários,
reunións,
- publicacións e relatórios,
- cartas abertas para arrecadar apoios,
- información sobre manifestacións ou outras accións.
Aceitará-se información
e outros materiais (p.ex. arquivos Word ou pdf) en calquer idioma
que, de ser posível, poderian vir acompañados dunha
pequena introdución en inglés (de 1 a 5 liñas).
As organizacións
e colectivos que asi o desexaren poderán participar -sen
compromiso económico- como "Grupos colaboradores".
Tamén poden inscrever-se
para receber as notícias regularmente por correio electrónico.
Calquer contributo que
queiran facer grupos (grandes ou pequenos) e persoas de toda
Europa será mui ben recebido.
Setembro 2005
> Grupos
fundadores e persoas
>
> Join us
|